09/04/08

" Pero que sempre suxo as botas no cemiterio para nunca atopar a propiedade trinta. Para despois tardar unha hora trabando a cidade e ter de esperar dez minutos polo transporte. Chegamos á casa no trescentos sesenta cunha vontade inmensa de fumar, a túa mae xa fora embora e saíches correndo cara a Clínica e beixáchesme un pouquiño antes mentres procuraba os cigarros no saco. ATENDÍ A como se fechaba o portal e pensei que suarías moito polo baixo das costas. Pensei tanto que mollei os teus pantalóns e sóubente incomodado cando limparas. Apoiada na varanda deixo caír a cinza, algunha folerpa pousa no casaco identidade que eu perdo nos pés de guerrilleira morta no monte. Vai frío, aspiro humedecendo as luvas de coiro e decido lembrar o último mercado de ostras bretoas. A textura desagrádame, tés unha veciña alcólica que se baba no ascensor e non é capaz de abrir a porta. Pergúntome se viviría na Indochina cun amante moito maior que tén un coche cos vidros tintados. ¿Quero axudala? E quero gardar os ollos de peixe. Allez!! Collo a man e morro, son un cantante famoso con sobredose, son unha lápida imposible de encontrar". Paris é linda. Cada vez que penso na vida alá só recollo a experiencia do texto. No día que fun ao Père Lachaise e non dábamos atopado a lápida de Jim Morrison. Acabei moi cansa, cos zapatos enlamados e tendo que cruzar dun lado a outro a cidade para ir a Suresnes no autocarro 360 (Hôpital de Garches/ La Défense). David axudaba á mae a limpar unha clínica de fisioterapia, os venres pola noite. Falo do meu saco (que naquel momento era o saco da Fnac) e do meu tabaco e de fumar fóra e do frío...porque tiña que fumar no balcón con luvas de coiro preto. Vivía no edificio unha veciña alcólica parecida a Marguerite Duras...cos ollos dun lorcho. O día que caeu e a recollemos eu soñei que morría ao darlle a man e me transformaba en Jim Morrison, no que el representa para min: unha tumba imposible de encontrar. Pois iso, a miña vida en Paris e os beixos nas costas.

1 comentário:

Unknown disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.