17/09/08

Levo meses facendo este percorrido para chegar a casa. Baixo pola alameda, atraveso polo paso de peóns de Pili Torres e dou a volta no bar de Pastora. Ollo para a fundación Blanco Monroy e logo...logo... rápido estou na entrada da rúa do Comercio. Alí no rincón está a farmacia de Saladina Baltar...onde me agarda unha magnífica frase: Que traballe o rei. Sorrío e collo para o Forno do Rato...a terraza do Marina ben podía entrar nun libro de records.
Este sistema que xa toleou as vacas, está a entolecer a xente.

10/09/08

Guille non gosta da entrada do perro Canuto, dime que o home lle dá pena. Pena...sempre a pena. Eu peco moito diso...de que as persoas me dan lástima, sobre todo os vellos. Un bebé é máis difícil...pero os vellos...son mestres manipuladores. Cantas veces fiquei fodida por cederlle un lugar a un vello...penso:Iria, e se este gacho é un fillo de puta?...e pronto...reflexiono:teño algún momento no día no que deixe de pensar en que hai persoas (e eu propria) que non deberiamos estar vivas? Si, cando como maragota. Aí gosto de soletrear a pel e a carne e a espiña. Tamén cando falamos e me metes na cama e me espertas pola mañá. Son nena e teñen de axudar a erguerme. O que me costa facelo...o que me costa meterme na ducha...o que me costa comezar.

08/09/08

Despois de lamber as túas feridas, unha nova pel surxirá. Non precisas da blastoestimulina porque no meu saco de veleno gardo toda a sobra que non asimila o meu organismo. Eu vou coidar de ti.